Os casos de infectados pola COVID-19 na residencia de anciáns Orpea de Culleredo alcanzan a decena ao dar positivo outro traballador, co que son oito usuarios e dous profesionais os afectados polo virus. Así o confirmaron fontes da empresa que xestiona esta residencia, Orpea, que asegura que estas dez persoas se atopan sen síntomas e que os protocolos se activaron porque un dos usuarios presentaba unhas décimas de febre. A Xunta confirmou este luns que o sábado tivo coñecemento do positivo dun dos traballadores e que por iso todo o persoal e os usuarios foron sometidos a probas PCR. De acordo coa información da compañía, o domingo tívose coñecemento de que un segundo profesional estaba infectado e, tamén segundo Orpea, esta persona, como a primeira empregada á que se lle detectou a COVID, tampouco era temporal nin de nova incorporación para cubrir algunha baixa ou vacacións. Os 130 usuarios da residencia están agora confinados nos seus cuartos, «á espera de que se terminen as PCR», segundo as fontes de Orpea.
42