Sobre a pista dun ‘faroleiro’ en Carballo

Cuadro eléctrico protegido en una calle de Carballo.

Cando non existía iluminación eléctrica, o faroleiro era a persoa encargada de acender os farois dunha poboación e mantelos en bo estado. A cada faroleiro adxudicábaselle uns determinados números dos farois e as rúas en concreto ás que debía asistir. Debía acendelos a unha determinada hora nas noites escuras e nas de lúa á hora que se lles sinalase. Debía acudir ao amencer por aceite e mechas para prover aos farois e mantelos limpos, o que debía facer á primeira hora da mañá. Para realizar o seu traballo, os faroleiros estaban provistos dun chuzo, un pito, unha lanterna, escaleira, alcuza e panos. Respondían do estado dos farois que tiñan asignados debendo pagar os danos que lles causasen.

Agora que o avance da tecnoloxía proporcionounos moitísimas vantaxes neste sentido e tamén noutros moitos, xa non é necesario dispoñer dun faroleiro, pero seguramente máis dun acordarase aínda das últimas rabexadas destes seres en lugares da nosa contorna a finais da década dos anos 70. O certo é que neste 2022 a Carballo apareceulle un ‘faroleiro’, non acende, pero si se encarga de apagar en diferentes zonas do centro urbano os térmicos de protección de varios cadros eléctricos situados en distintas áreas e que dan servizo á iluminación pública. Barrios completos quedan ás escuras ao ser manipulados os cadros, provablemente cunha chave ‘mestra’ de apertura, dado que non causa roturas nin danos materiais. Varios veciños da céntrica rúa Vázquez de Parga téñeno visto, pero non identificado, dado que foxe á carreira. Afirman poñer os feitos en coñecemento das autoridades, pero de momento o ‘faroleiro’ anda solto.