Sogama adquire catro parcelas no polígono de Arbo para unha nova planta de transferencia

Cedida.

Sogama acaba de adquirir un total de catro parcelas no polígono industrial de Arbo para instalar neste concello unha das novas planta de transferencia.

Xestur, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, foi o que adxudicou a superficie, un total de 4.420 m2 polos que Sogama aboará preto de 190.000 euros, tras aplicárselle unha bonificación dun 50% sobre o prezo de venda.

Coa nova planta de transferencia de Arbo, ademais de ofrecer aos concellos da zona un servizo de valorización da materia orgánica a menos de 50 quilómetros, Sogama consegue unha instalación cunha maior capacidade, prestacións e eficiencia que a que opera actualmente na contorna.

A futura instalación poderá transferir a bolsa amarela —envases de plástico, latas e briks depositados no contedor amarelo— e, así mesmo, a materia orgánica recollida de forma selectiva a través do quinto contedor, de cor marrón.

Coa adxudicación deste solo, avánzanse un paso máis na materialización desta rede que estará integrada por 4 plantas de biorresiduos —unha en funcionamento, a de Cerceda, e tres que construirá a Xunta en Cervo, Vilanova de Arousa e Verín— e 13 plantas de transferencia, como a que se instalará en Arbo.