Sogama adxudica a construción da planta de biorresiduos de Verín

1 minutes read
A conselleira, Ángeles Vázquez, nun momento da presentación do proxecto.

Sogama adxudicou á empresa Sociedade Anónima de Obras e Servizos COPASA a construción e posta en marcha dunha planta de biorresiduos en Verín (Ourense) por un importe de 6.685.442,21 euros.

A instalación, que se localizará no polígono industrial de Pazos, ocupará unha parcela de case 12.000 m2 pola que Sogama desembolsou máis de 500.000 euros. Terá capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de materia orgánica e 1.600 toneladas de material estruturante, e estímase que producirá 1.500 toneladas/ano de compost, un abono de alta calidade que se aplicará no sector da agricultura e da xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.

O proceso de compostaxe desenvolverase integramente nesta planta —pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento—, que estará equipada coas tecnoloxías máis innovadoras en depuración de augas e aire, así como en redución do nivel de ruídos, garantindo con isto unha operativa respectuosa coa contorna máis inmediata.

Así mesmo, as instalacións estarán alimentadas con fontes renovables, sendo autosuficientes desde o punto de vista enerxético.

A previsión é que dea servizo a 22 concellos, que aglutinan unha poboación superior a 48.000 habitantes, e integrarase na rede de infraestruturas promovida e deseñada pola Xunta de Galicia a fin de que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama accedan á valorización da materia orgánica a través da compostaxe.