O contrato para a execución destas obras acaba de ser adxudicado por 116.519,02 euros e terá como fin optimizar a operativa e as prestacións desta instalación. Para iso, levarase a cabo a construción dun novo aparcadoiro de contedores dotado con cinco prazas —o actual, que será demolido, conta con dúas—, das cales catro estarán cubertas, destinándose a albergar contedores cheos, mentres que a praza restante se reservará para os baleiros.
A obra contempla tamén a execución dunha nova rede de captación de augas residuais do aparcadoiro e outra de bombeo ata a EDAR da propia planta de transferencia, a drenaxe de augas pluviais, a chaira de manobras de contedores —cada un conta con capacidade para 43 m3—, xunto coa instalación dunha barreira de seguridade no perímetro exterior da mesma, e a propia para o depósito do efluente depurado.
Inclúese, do mesmo xeito, a execución dun novo punto de vertedura de augas pluviais mediante gabia drenante e a construción dunha nova escaleira metálica con varanda que comunique a plataforma de descarga dos residuos coa zona de oficinas, optimizando desta forma a accesibilidade aos diferentes puntos da infraestrutura.
O contrato, que foi adxudicado á empresa Gestal y López, S.L, estipula un prazo de execución de 7 semanas e abarca o desenvolvemento da obra a todos os niveis, a realización dos pertinentes estudos, controis de calidade e servizos, así como a subministración de todos os equipos, elementos e materiais necesarios para a correcta realización do traballo encomendado.