Sogama celebra vinte anos de vida

Arquivo.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, realizou este luns unha visita ás instalacións do Complexo Medio Ambiental de Sogama, con motivo da celebración dos 20 anos da súa posta en marcha, onde avanzou que a nova planta de compostaxe do Complexo de Cerceda comezará a recibir biorresiduos dos concellos da Laracha, Carballo e Arteixo no próximo mes de febreiro.

A conselleira destacou que esta nova planta de compostaxe será decisiva para axudar a cumprir o obxectivo europeo de reciclar o 50% dos residuos no ano 2020, grazas á súa capacidade para procesar ata 15.000 toneladas anuais de materia orgánica dos concellos máis próximos e obter ata 4.000 toneladas de compost. Engadiu que esta planta reforzará o programa de compostaxe doméstica activa en toda Galicia, aos que están adheridas máis de 330 entidades -189 concellos, 126 centros educativos e 19 colectivos sociais- ás que xa se lle entregaron máis de 11.200 composteiros. Ao mesmo tempo, a Consellería destinará 25 millóns de euros -ata o ano 2022- para iniciar a posta en marcha de tres plantas públicas de tratamento de biorresiduos domésticos, unha por cada unha das provincia; así como un investimento de 700.000 euros en axudas para desenvolver plantas deste tipo, por parte dos concellos ou da iniciativa privada, que complementarán ás que promove a Xunta de Galicia.

Dúas décadas de traballo

A conselleira de Medio Ambiente destacou o papel que xogou Sogama para evitar a deterioración ambiental de Galicia. A súa posta en funcionamento, hai 20 anos, iniciouse o camiño para eliminar máis de 3.000 puntos de vertedura incontrolados despregados pola Comunidade e hoxe en día ten tratado máis de 10 millóns de toneladas de lixo, unha cantidade coa que se podería encher ata 50 veces o estadio de fútbol de Riazor. Outro dato que da conta da súa importancia é que no ano 2001 eran 71 os concellos que estaban adheridos a Sogama, mentres que hoxe dá servizo a 295 concellos, o que se traduce xestionar cada día os residuos do 83% da poboación galega, de máis de 2 millóns de galegos.