Sogama inviste 1 millón de euros para dotar á planta de Monforte de Lemos cunha liña de transferencia para a materia orgánica, que se recollerá de forma diferenciada a través do contedor marrón que os concellos deberán implantar antes do próximo 31 de decembro, conforme á normativa europea. Así o explicaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o presidente da empresa pública, Javier Domínguez, ante os alcaldes e portavoces locais dos municipios que veñen utilizando esta instalación ou que o farán nun futuro.
Os concellos adscritos a esta instalación xa remiten os residuos correspondentes aos contedores amarelos (envases de plástico, latas e briks) e xenérico (resto ou non reciclable); coa ampliación para os restos orgánicos evitaranse os desprazamentos a outras instalacións, o que suporá un aforro económico para arcas municipais e a redución de emisións contaminantes. Unha vez reformada, a planta poderá transvasar a materia orgánica procedente dun total de 18 municipios que aglutinan unha poboación de 53.593 habitantes. Está previsto que poida entrar en servizo a mediados do vindeiro ano.