SOGAMA instrúe na reciclaxe a máis de 200 escolares de Arteixo

Imaxe do símbolo da reciclaxe

Preto de 250  escolares do IES “Manuel Murguía” ” participarán nunhas charlas sobre reciclaxe que impartirá Sogama. As sesións terán lugar este 18 e 19 de decembro e diríxense ao alumnado de 1º da ESO. 

Os monitores explicarán a problemática que representa a elevada produción de residuos nas sociedades modernas e o risco que este fenómeno trae consigo se non se aplican as boas prácticas por parte dos distintos sectores de poboación.

Neste sentido, apelarase á colaboración cidadá, toda vez que desempeña un papel esencial a través do consumo responsable e consciente, a redución da xeración de lixo en orixe, o máximo aproveitamento dos produtos e a activa participación na reciclaxe, previa segregación dos materiais por tipoloxías e posterior depósito dos mesmos nos contedores habilitados nas vías públicas.

Adquirir artigos a granel e co menor envase e embalaxe posible, levar a bolsa de casa á compra, aproveitar o papel por ambas caras e dar prioridade aos utensilios con recambio, rexeitando os de usar e tirar, constitúen pequenos xestos con grandes beneficios.

Tamén se prestará atención ao desperdicio alimentario, xa que un terzo da comida que se produce no mundo para o consumo humano acaba refugada.

Se ben as perdas teñen lugar en toda a cadea de produción, subministración e consumo, o certo é que o fogar contribúe a esta mala praxe nun 42%, sendo o pan, as froitas e as hortalizas os alimentos que, con maior frecuencia, acaban no cubo do lixo. Falarase tamén de compostaxe doméstica, unha magnífica alternativa para os residuos alimentarios (non comestibles) e os restos vexetais.