Sogama para a pranta de tratamento de residuos sanitarios ante a boa evolución da pandemia

1 minutes read

A planta provisional habilitada por Sogama no complexo medioambiental en Cerceda para xestionar residuos sanitarios de baixo risco (como buzos, luvas, máscaras desbotables e similares) acaba de cesar a súa actividade tras constatarse que a mellora da evolución da pandemia se traduciu tamén nunha notable redución na xeración deste tipo de refugallos, de xeito que, a día de hoxe, poden volver a ser xestionados integramente polas plantas dedicadas en Galicia ao seu tratamento.

No período durante o que estivo operativa a instalación, entre abril de 2020 e o pasado mes de marzo, Sogama xestionou un total de 285.280 quilogramos de residuos sanitarios de baixo risco mediante un proceso de valorización enerxética a máis de 850ºC, temperatura coa que se garante a eliminación controlada de patóxenos e outros axentes nocivos.

A actividade da planta provisional, por tanto, coincidiu cos momentos álxidos das tres ondas máis virulentas da covid en Galicia e, a medida que a incidencia da pandemia foi sendo menor, detectouse un descenso progresivo na entrada deste tipo de material.

De feito, a entidade pública localizada en Cerceda non volveu recibir refugallos procedentes dos centros adscritos ao Sergas desde o pasado 11 de marzo, circunstancia que, a día de hoxe, permite prescindir definitivamente da actividade desta infraestrutura, que operou en todo momento de forma independente, con persoal externo contratado e horarios diferenciados aos do resto de traballadores do complexo medioambiental.