O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, acompañado polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, visitou, no polígono industrial de Baión, as obras da futura planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa (Pontevedra), que está previsto que dea servizo a 26 concellos en 2023.
A planta vilanovesa integrará as distintas fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos recibidos na mesma: desde o pretratamento e a fermentación, ata a maduración e o almacenamento, así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de cheiros e ruído.
Así mesmo, a enerxía necesaria para a operativa industrial procederá de fontes renovables, fundamentalmente de paneis solares, contribuíndo con isto á loita contra o cambio climático.
A instalación, que ocupa unha superficie total de 20.000 m2– sete parcelas- e polas que a Sociedade pública efectuou un desembolso de 1,5 M€, ten capacidade para xestionar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica contida nos residuos municipais (FORSU) e outras 7.000 toneladas de material estruturante (podas e restos de madeira), o que lle permitirá producir ao redor de 6.000 toneladas/ano de compost, cuxo destino será o sector da agricultura e a xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.
Con carácter previo aos primeiros traballos de acondicionamento do terreo, resultou necesario tramitar a Autorización Ambiental Integrada (AAI), aparellada a un complexo proceso administrativo, así como a correspondente licenza urbanística municipal e outros permisos para poder acometer unha obra destas características.