Sogama reduciu o depósito directo de residuos en vertedoiro nun 98% durante a última década

1 minutes read

Así o puxo de manifesto este mércores a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen respondeu unha pregunta no Pleno do Parlamento, na que recordou que en 2011 as toneladas de residuos depositadas en vertedoiro foron 311.479, fronte as 5.463 do ano pasado. Indicou que esta xestión se mostra máis eficiente se se comparan coas rexistradas en 2008, exercicio no que máis de 410.000 toneladas acabaron no vertedoiro, acadando a cifra máis alta de depósito dos últimos 13 anos.

Explicou que o balance de 2020 é un dos froitos que se recolle da aplicación do Plan de xestións de residuos urbanos, a folla de ruta nesta materia en Galicia, grazas ao cal se investiron máis de 84 millóns de euros, para apostar por unha xestión eficiente dos residuos.

Grazas a esta planificación actuouse en todos os aspectos: eliminando vertedoiros, ampliando a rede de puntos limpos, loitando contra os puntos de vertido incontrolado e reforzando o papel de Sogama, un modelo referente en Europa e que na actualidade da servizo ao 94% dos concellos de Galicia.