A Xunta subliña que a cantidade de residuos domésticos que remitiron ás instalacións da empresa pública Sogama os 294 concellos adheridos a este modelo descendeu o ano pasado nun 1,35 %, ao pasar das 794.472,93 toneladas de 2021 ás 783.725,38 toneladas de 2022. Este é o segundo ano consecutivo no que se constata unha diminución do lixo recibido na planta de Cerceda, xa que en 2021 o descenso foi do 0,05 %.
Cómpre ter en conta que a inestabilidade dos mercados e a alta inflación á que debe facer fronte a cidadanía constitúen factores que incidiron nun menor consumo, sen esquecer a maior conciencia ambiental dos galegos na prevención de residuos.
Así, o ano pasado a diminución na xeración dos refugallos convencionais —é dicir, a fracción resto depositada no contedor xenérico— foi unha constante nas catro provincias galegas, sendo a de Ourense a que máis diminuíu os seus residuos, cunha redución do 2,72 %; seguida pola de Pontevedra, cun 1,60 % menos; e finalmente polas provincias de Lugo e A Coruña, cun descenso do 0,98 % e do 0,60 %, respectivamente.