“Sol x Ciencia” pechou en Carballo as actividades de divulgación científica sobre a eclipse con 300 participantes

3 minutes read

O programa de divulgación científica Sol x Ciencia, promovido pola Concellaría de Innovación do Concello de Carballo no marco do Proxecto Talento km0 (TALK0) e financiado pola Unión Europea, completa o ciclo de actividades sobre a eclipse cun balance de participación e público inmellorable. A iniciativa, nacida para achegar o rigor científico á cidadanía ante o histórico fenómeno do 12 de agosto, acadou os 300 participantes nas súas distintas sesións.

A xornada deste luns marcou o remate. Pola tarde, unha trintena de nenos e nenas participaron en dous obradoiros prácticos nos que construíron a súa propia caixa estenopeica con caixas de cartón e aprenderon o principio físico da cámara escura para observar a eclipse sen risco para a saúde ocular.

A continuación, a cafetería Mercado acolleu a charla de Óscar Blanco Varela, director do Centro Astronómico Trevinca. Blanco, que non puidera asistir á cita previa en Razo por motivos de axenda e fora substituído por Borja Tosar, encontrouse co público carballés para expoñer os aspectos técnicos, fotográficos e astronómicos do fenómeno na interesantísima charla “A eclipse da nosa vida”, que congregou a máis de 60 persoas.

A orixinalidade de Sol x Ciencia, que se enmarcou no programa da Noite Europea das Persoas Investigadoras, radicou na súa capacidade para desarticular a eclipse solar e analizala dende prismas científicos tan diversos como complementarios: dende a neurociencia e a oftalmoloxía, para coñecer os mecanismos de interacción da radiación solar no sistema visual humano e a prevención de danos oculares; pasando pola arqueoastronomía e a historia, que permitiron entender a pegada e a interpretación cultural que as antigas civilizacións deixaron destes fenómenos celestes; ata a matemática aplicada e a mecánica celeste, que desvelaron as xeometrías e ecuacións exactas que rexen os aliñamentos dos astros. Todo isto completouse coa astronomía observacional e a astrofotografía, con dúas charlas que permitiron achegar á cidadanía as metodoloxías prácticas e a precisión técnica necesaria para capturar e comprender de forma empírica o evento.

O concelleiro de Innovación, Iván Andrade, amosou a súa satisfacción cos resultados: “A resposta superou todas as expectativas. Ver os bares das praias e o mercado municipal cheos de xente con ganas de aprender confirma que Carballo ten un público inquieto e que a divulgación funciona cando se achega aos espazos cotiáns”.

En agosto, máis ciencia!

Sol x Ciencia non se detén e desprega durante o mes de agosto unha nova batería de actividades orientadas ao talento local, á infancia e á investigación de vangarda:

  • Venres, 7 de agosto | As investigadoras carballesas van de campamento

Acción de fomento de vocacións STEM nos campamentos infantís de verán coa participación de catro científicas referentes do noso concello: a enxeñeira química Xanel Vecino (UVigo), a bióloga especialista en solo María Gómez Brandón (UVigo), a socióloga e docente María Andrade (UDC) e a informática experta en ciberseguridade Olalla Rama.

  • Xoves, 13 de agosto | Cafetería do Balneario de Carballo (20:30 h)

Sesión especial coa enxeñeira carballesa Ana Cambón, controladora de misións na Axencia Espacial Europea (ESA), coa ponencia De Carballo ao cosmos, acompañada por Uxía Fernández, investigadora do grupo GRICA (Cambio Ambiental e Paleobioloxía) da UDC, con O clima que ningún satélite viu.