Solpor promociona o Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía no Congreso de Turismo Termal de Ourense

Cedida.

Jesús Picallo Santos, presidente de SOLPOR, presente en Ourense dentro do marco do Congreso Internacional de Turismo Termatalia 2022, está a levar a cabo unha intensa tarefa de promoción do roteiro de Santiago a Fisterra-Muxía mantendo diferentes reunións de traballo con destacados representantes de distintas delegacións nacionais e internacionais para apoiar as actividades de promoción do Camiño de Santiago.

Panamá, a porta das Américas

O presidente de Camiño Solpor (a Asociación de Empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía), Jesús Picallo, que ostenta tamén a vicepresidencia do Clúster de Turismo de Galicia, mantivo frutíferos contactos con personalidades como Denise Guillén Zuñiga, Viceministra de turismo de Panama quen, como sinala o propio presidente de Solpor, «é unha gran coñecedora e promotora do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía». Tal é a vinculación da mandataria Panameña coa emblemática prolongación do Camiño de Santiago que Picallo aproveitou para convidala oficialmente a coñecer «en profundidade» todo o enorme potencial e beleza que atesoura o roteiro a Fisterra e Muxía.

Uruguai, «a terra prometida»

De alto nivel foi tamén o grato encontro con Ramiro Rodríguez, Ana Teresa Ayala e Remo Monzeglio, Cónsul Xeral de Uruguai en Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, Embaixadora Extraordinaria e Plenipotenciaria da República ante o Goberno do Reino de España e Viceministro de Turismo de Uruguai, respectivamente, a quen fixo partícipes da singularidade e innovación que propón a vía a Fisterra-Muxía como exemplo do que Picallo denominou como «experiencias turísticas transformadoras».

Turismo Sostible

Con esta denominación, que trasladou aos representantes da delegación uruguaia, fai referencia Picallo Santos á consolidación da zona como un exemplo de Turismo Sostible, apostando por un perfil de viaxeiro que se interesa pola natureza e polo contacto con sabores, vivencias e xentes «auténticas». Experiencias que suscitan tal impacto no viaxeiro que nos visita que, segundo sinala, «xera un cambio en si mesmos e nos demais converténdose eles mesmos nos mellores embaixadores do xeodestino único e singular que conforma a prolongación do Camiño desde Santiago a Fisterra-Muxía», asevera o presidente de SOLPOR con vehemencia.

Contactos coa Rioxa Arxentina

Ademais de promocionar o roteiro fisterrano-muxiá ante a nacións irmás de Panama e Uruguai, a cita termal ourensá brindou a oportunidade de estreitar contactos con integrantes da delegación Arxentina, esa segunda patria da emigración galega que tantos e tan profundos vínculos mantén con Galicia. Tal feito púidose constatar nas conversacións mantidas coa delegación da provincia da Rioxa, encabezada por Gustavo Anibal Luna, Ministro de Turismo e Culturas da Rioxa e Juan Carlos Vergara, Ministro de Saúde da provincia da Rioxa. Contactos que, segundo sinalou con satisfacción o presidente de SOLPOR, «permiten posicionar e globalizar o atractivo da nosa comarca como referente inescusable dentro do roteiro Xacobeo e complementa as actividades de difusión do Xacobeo 21-22 que a Xunta de Galicia levou a cabo a nivel nacional e internacional». Ademais, tamén se puxeron sobre a mesa as futuras actividades que xa se están preparando de fronte ao último trimestre do ano e para 2023.