Así o anunciou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, nunha visita ao parque natural, onde lembrou que, o pasado 12 de marzo, a xunta reitora do parque natural xa fora informada do contido do decreto de modificación do Plan de ordenación de recursos naturais (PORN) e de aprobación do PRUX. Un documento que inclúe tres anexos coa proposta de zonificación, o contido do novo plan reitor e a cartografía.
Unha vez superado este trámite, o novo instrumento estará a disposición de someterse a consulta pública por un período de 15 días. Finalizado o devandito prazo e tras analizar as achegas recibidas e valorar posibles modificacións, o PRUX remitirase ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable (Cogamads) para sometelo ao seu informe, previsiblemente no mes de abril. Este será o último paso antes da súa aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta.