O BNG converte o aniversario da Constitución nunha xornada de reivindicación, neste caso a favor do dereito de autodeterminación dos pobos cun acto simbólico que congregou a centos de militantes e simpatizantes en Santiago nunha cadea humana que rodeou o Museo do Pobo Galego.
A portavoz nacional, Ana Pontón, lembrou a “friaxe” coa que a Constitución foi acollida en Galiza en 1978 e destacou que a súa “sacralización, como se se tratase das táboas de Moíses” é promovida polos poderes que queren que todo siga “atado e ben atado”. “Blinda os privilexios duns poucos”, recalcou, “pero non serviu para evitar a emigración da mocidade, que os nosos maiores estean á cola en pensións, nin garante dereitos básicos como o emprego, a vivenda ou o uso normalizado do idioma propio”.
Por iso, o BNG considera fracasado e superado o actual marco constitucional, marcado pola corrupción da monarquía e das élites políticas e económicas, e que actúa como corsé que lastra o futuro do país.