Sónsoles Ónega gaña o Premio Planeta con ‘As fillas da criada’

1 minutes read

A escritora e xornalista Sonsoles Ónega gañou o Premio Planeta 2023, e o seu prezado millón de euros, coa novela histórica As fillas da criada. O fallo anunciouse tras a multitudinaria cea literaria celebrada no monumental Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) en Barcelona. A gala, a medio camiño entre os rituais internos do galardón e o espectáculo, é o acontecemento cultural do ano en Cataluña.

En As fillas da criada, Sonsoles Ónega enfoca de novo a forza feminina a través das peripecias-e as ocultacións- dos Valdés, unha familia de empresarios galegos que percorre os dous primeiros terzos do século XX: de Cuba a Galicia. Segundo avanza a editorial sobre a sinopse do título, as «loitadoras mulleres» do núcleo familiar crearán un «imperio conserveiro» na súa terra natal aínda que un segredo «marcará as súas vidas».

Moi emocionada e ao bordo das bágoas, Ónega debullou máis detalles sobre esta obra que é unha homenaxe á Galicia marítima que «levantou un imperio» desde o ano 1900 e ás «mulleres valentes que pelexaron no mar durante cen anos sen recoñecemento algún», dixo entre aplausos.

A escritora lembrou que é un libro que percorre a historia pero engade un substrato literario que «marca aos personaxes» porque tamén é unha novela sobre «o amor e a falta de agarimo que temos todos».