Sorpresa entre os socialistas de Carballo ante o rifirrafe do BNG e PP pola circunvalación

1 minutes read

O Partido Socialista de Carballo non pode ocultar a súa sorpresa ante o que eles califican como un «toma e daca» entre o BNG e o PP, con motivo da circunvalación do municipio.

Aínda que o candidato á alcaldía de Carballo polo Partido Popular, Aurelio Núñez, reiterou o seu compromiso coa construción da circunvalación xa que «a situación económica cambiou e creemos que é o momento», a portavoz do grupo socialista en Carballo, María Carmen Vila, alega que desde o PSOE non entenden este cambio, xa que PP e BNG foron os dous partidos que votaron en contra da moción presentada polo Partido Socialista a comezos da lexislatura. Desde o grupo municipal socialista manifestan que «agora ante a opinión pública pretenden alzarse como máximos defensores da mesma».

Aínda así, desde o PSOE alégranse de que, aínda que tarde, ambos partidos vexan a utilidade que antes non foron capaces de descubrir, e que esperan que non volvan esquecer pasadas as eleccións.