Senior feminino :
TREBÓNS BASKET CLUB 43-59 C.B LARACHA NOVA FACIAL
Nova vitoria das senior fora da casa nun partido marcado pola aportación de todas as rapazas no xogo.
O partido comezaba cos dous equipos tibios en defensa e desacertados en ataque. As larachesas non conseguían circular o balón con fluidez nin saír ordenadas ao contraataque, froito disto foron as locais, que mostraron máis decisión, as que se levaron o primeiro parcial.
A tónica do segundo tempo non foi moi distinta a do primeiro e malia que as da Laracha conseguiron maiores ventaxas nos un contra un, moitas veces non eran quen de acertar o último pase.
Tras o paso polos vestiarios as visitantes deron un paso ao frente e saíron con decisión para levarse a vitoria, mostráronse serias en defensa presionando a xogadora con balón e as liñas pase, o que permitía agora si ataques fáciles que ampliaron as distancias no marcador.
No último cuarto o Laracha só tivo que manter a diferencia buscando ataques máis elaborados e freando o último arreón de remontada das locais.
Con esta vitoria as senior póñense cun balance de 3-1 e mantéñense na zona alta da clasificación.
Senior Masculino:
C.B. Moneyball Coruña 82 – 44 C.B. Laracha M3
Primeira derrota do conxunto larachés ante un rival directo que superou en todo momento tanto física como mentalmente. Dende o minuto un o C.B. Laracha M3 viuse superado pola capacidade física dos coruñeses tanto en velocidade como en intensidade, isto sumado ao pouco acerto cara o aro impropio do conxunto de Javier e Sito propiciaron as condicións necesarias para que Moneyball xogase en todo momento ao seu estilo de xogo e marcase as pautas do partido. O segundo partido da tempada deixou un sabor demasiado amargo tanto polo resultado como polas sensacións dentro da pista, quedalle ao equipo mellorar e centrarse nos seguintes encontros, a cuarta xornada disputarase na Laracha contra o equipo carballés Dimolk Xiria Artai, outro dos favoritos para quedar nos postos altos da táboa. Dende o Club agradecen aos afecionados que se moveron para ver o partido e estiveron en todo momento apoiando ao equipo.
