Sorte tivo o piloto dunha avioneta tras sufrir un accidente no Aeroclub das Rozas

1 minutes read

O piloto do aparello puido saír do interior da avioneta polo seu propio pé. Segundo puido saber o 112 Galicia, posteriormente foi trasladado por unha escordadura nun nocello e mazaduras no corpo. O accidente rexistrouse no aeródromo das Rozas, en Castro de Rei, na tarde deste martes.

Segundo a versión do piloto, unha avespa tería entrado polo conduto do aire da avioneta, accedendo á cabina. Unha vez alí, tería provocado que o home perdese o control da aeronave tras facer unha manobra errónea tratando de quitarse ao insecto de encima.

O 112 Galicia recibiu a alerta dos feitos a través dunha persoa particular. Acto seguido, puxo a situación en coñecemento do Servizo Aéreo de Rescate (S.A.R), da torre de control do Aeroporto de Lavacolla, dos Bombeiros de Vilalba, da Garda Civil e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado ata o lugar dos feitos.

Tras ser atendido o ferido, os Bombeiros de Vilalba levaron a cabo a limpeza da pista do aeródromo e permaneceron no punto ata que foi retirada a avioneta do lugar do accidente.