Sorteados na Laracha os regalos da terceira edición do programa «Agasalla comercio local, ten premio»

A iniciativa foi impulsada polo Concello co triplo obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a importancia de facer as compras no comercio de proximidade, atraer e fidelizar á clientela e subvencionar as compras dos cidadáns.

Todos os clientes dos establecementos adheridos que depositaron durante as últimas semanas as súas tarxetas rasca e gaña non premiadas cubertas cos datos persoais nas urnas habilitadas nas bibliotecas municipais da Laracha, Paiosaco e Caión participaron neste sorteo, que ten os seguintes gañadores:

  • Experiencia cultural (estancia dunha noite en hotel en Madrid e dúas entradas para asistir ao espectáculo El Rey León): Irene Vilariño Martínez.
  • Experiencia turística (estancia de dúas noites para dúas persoas con acceso a spa no Augusta Eco Wellness Resort de Sanxenxo): Noelia Cambón Morales.
  • Experiencia gastronómica (cea/comida para dúas persoas): Alejandro Amado Villaverde.

O Concello contactará cos agraciados para proceder á entrega dos premios nun acto previsto para este venres.

Cabe lembrar que durante o mes de decembro e ata o remate do Nadal en todos os establecementos adheridos repartíronse aos clientes unha tarxeta por cada dez euros de compra, cun total de 15.000 euros. Delas, 1.500 contiñan premios directos de dez euros -para un total de 15.000 euros en bonos achegados polo Concello- para descontar nas compras, ademais dos agasallos doados polos propios establecementos participantes. As tarxetas non premiadas tiveron a oportunidade de participar no sorteo que se levou a cabo este martes.

Related posts

Telefónica asinou un acordo con OpenAI para ofrecer ChatGPT Plus aos clientes de Movistar

Ponteceso avanza na creación dun novo aparcadoiro na avenida Anllóns

Zas recolleu máis de 57 toneladas de vidro en 2025 e lanza unha nova campaña na hostalería