SOS Sanidade Pública convoca unha concentración no Parlamento o día 19

A Plataforma SOS Sanidade Pública anunciou unha manifestación para o domingo 4 de febreiro ás 12horas, desde a Alameda de Compostela, para reclamar uns orzamentos «xustos» coa sanidade pública, xa que consideran que os actuais non cobren as súas necesidades. Ademais, concentraranse fronte ao Parlamento galego o 19 de decembro ás 12 horas.

A plataforma explicou que consideran que os orzamentos presentados pola Consellaría de Sanidade «non responden as necesidades reais da Sanidade Pública e consolidan a situación actual de enfraquecemento e privatización». «A cidadanía sabe que a situación da Atención Primaria é límite e que necesitaba un impulso importante para poder desenvolver as súas capacidades. E este impulso non aparece nos orzamentos presentados, que están lonxe do obxectivo de 25% do orzamento da sanidade pública, quedando en 14%», aseveraron.

Consideran, ademais, que a atención hospitalaria continúa «arrastrando» un problema de accesibilidade, «con listas de espera non publicadas». A este respecto, afirman que só se publican as estruturais, «o que ocasiona atrasos nos procesos, xa que os diagnósticos tardan máis en confirmarse e as intervencións cirúrxicas tardan en realizarse». Así mesmo, destacan o «importante» problema de falta de profesionais tamén nos hospitais, «que teñen que atender a máis pacientes ingresados que os que recomendan as sociedades científicas».

Saúde mental
Outro dos temas é o referido ás enfermidades relacionadas coa saúde mental, «un problema emerxente na sociedade actual» e ao que, censuran, resulta «evidente» que a sanidade pública «non está a dar a resposta que se necesita». «A proba é o elevado número de psicofármacos que toma a poboación, cando sabemos que hai alternativas mellores á resposta farmacolóxica, a única posible cando faltan profesionais». Por iso, reclaman a presenza da Psicoloxía Clínica en Atención Primaria, «non dunha forma simbólica, senón como parte importante da resposta que ten que ofertar a sanidade pública».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha