Stellantis pechará 129 concesionarios en toda España


O grupo Stellantis vai pechar 129 concesionarios en España das súas nove marcas, a maior parte deles Citroën, Peugeot e Opel. Esta cifra representa un terzo dos que o grupo ten na actualidade e deixa no aire un total de 30.000 empregos. Esta decisión enmárcase no plan de reestruturación da empresa que vai poñer en marcha un novo modelo de negocio con centros multimarca a partir de 2023. O obxectivo do xigante Stellantis con este xiro nos seus puntos de venda é adaptarse aos cambios ambientais e normativos que están a impactar no modelo de distribución. «Trátase de anticiparse a unha realidade que chegará máis pronto que tarde nun sector aguilloado pola crise dos semiconductores, a chegada do coche eléctrico e compartido, entre outros factores», sinalan fontes do consorcio.