Stoupa non celebrará este ano a súa clásica cita co Nadal

1 minutes read
  • A tenda reunía, cada decembro, a diversos artistas da Costa da Morte nun mesmo espazo

Todos os anos por estas datas, e desde o 2016, a tenda Stoupa celebra o seu fin de ano particular convidando aos seus colaboradores a unha copa para brindar pola prosperidade dun novo ano, e para que os artesáns e artistas da Costa da Morte compartan as súas inquedanzas profesionais nun mesmo espazo.

Este ano, por razóns obvias, non será posible gozar do #Stoupidos2020, pero a xerente da tenda, Begoña Fernández, xa ten a mente posta no ano 2021 e móstrase optimista: «Se dentro de doce meses non podemos dicir iso de que ‘saímos máis fortes’, polo menos que poidamos brindar porque ‘saímos do pozo’».

A Covid-19 truncou toda a programación anual de exposicións que a galería ceense tiña comprometidas. Só foi posible a presentación da primeira exposición do ano #NaciónMar de Xosé Iglesias. Aínda así, puxeron en marcha a colección #CorentenaCreativa: unha mostra de 35 obras de arte únicas de autores da Costa da Morte das máis variadas disciplinas artísticas, que foron obxecto dunha poxa ao longo de todo o ano.

As pezas que aínda non se adxudicaron seguen expostas no local, xunto coas obras e packs de agasallo da campaña de Nadal. Para acudir ao establecemento é necesaria cita previa.