- A mostra ‘Stoupidos2021’ reúne o traballo de varios autores da comarca que expuxeron este ano na galería ceense
Stoupidos2021, a xa tradicional mostra colectiva que organiza a tenda e galería ceense Stoupa con motivo do remate do ano volve con forza, pero sen brinde, debido á situación sanitaria e á constante subida de casos por Covid-19.
Aínda así, a esencia da mostra segue intacta. As persoas que se acheguen a Stoupa poderán descubrir e mercar produtos de autores da Costa da Morte pero, sobre todo, poderán desfrutar de pezas que se expuxeron durante este 2021 e que forman parte do traballo de Ali Vava, Xosé Iglesias, Catro Raposos, Marcos Rodríguez, Llou, Gypsea ou Xoanxo Cespón.
Stoupidos2021 é un evento onde nos últimos anos se congregaban artistas e amigos para brindar pola prosperidade dun novo ano, ademais de comprometerse a loitar pola cultura da comarca.
