Subvencionado en Fisterra un proxecto de desenvolvemento de software para hostalería

Cedida

O proxecto de desenvolvemento de software para hostalería en Fisterra, contará cunha achega da Xunta de 70.000 euros a través do programa Galicia Rural Emprende do Igape que se vén de resolver.

O obxectivo destas achegas é apoiar proxectos empresariais de emprendedores e autónomos vinculados a actividades non agrícolas no ámbito rural

Os proxectos aprobados abranguen iniciativas dos sectores industriais das TIC, a automoción, o téxtil, o forestal, o medioambiental e o audiovisual. Así, entre as actividades que se desenvolverán están a prestación de servizos de dixitalización e deseño de pezas 3D e de I+D, unha plataforma de xestión de cargadores para vehículos eléctricos, a instalación de equipos industriais, o deseño de roupa e accesorios, servizos de xestión e aproveitamento forestal, a confección e o deseño ecolóxicos de toldos e servizos da industria cultural e de lecer.

Esta liña de apoios cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), súmase ao Galicia Emprende, que comparte o obxectivo de estimular o tecido empresarial galego e fomentar a xeración de emprego mediante o apoio á creación de empresas.