Sucesos | Explosión de gas nunha vivenda de Sofán | Pequeno incendio en Carballo

2 minutes read

Minutos antes das tres da tarde deste domingo o 112 Emerxencias Galicia poñía en alerta aos bombeiros do parque de Carballo por unha explosión de gas na cociña dunha vivenda do lugar de Bolón, na parroquia carballesa de Sofán. De inmediato dirixíronse ao punto onde a súa chegada xa non había lume, pero atenderon o testemuño dos propietarios da casa que indicaron que cando estaban comendo na cociña, se producira unha explosión, supostamente por unha fuga de gas.

O incidente provocou a caída da porta de entrada ao habitáculo e un pequeno conato de incendio na cociña de gas, que foi sufocado polos ocupantes da vivenda cunha mangueira. Non houbo danos persoais e os materiais centráronse na porta que rompeu e na propia cociña de gas, ademáis da bombona, á que se lle derreteu o plástico das asas. Os bombeiros retiraron a bombona ao exterior da vivenda, ventilaron e realizaron medicións para comprobar que a atmósfera no interior da mesma era a adecuada.

Nova alerta na rúa Fomento – Restaurante Oasis

Ás 16:23 horas, o 112 pasaba unha nova alerta aos bombeiros de Carballo por un incendio no antigo restaurante Oasis, que está pechado dende hai tempo. No aviso indican que saía fume pola parte alta da reixa do local. Unha vez no punto os bombeiros comprobaron que saía unha pequena cantidade de fume de forma irregular. A Policía Local indicaba ter localizada a unha persoa que tiña a chave do inmoble, polo que se esperou por ela para non ter que realizar un acceso forzado. Unha vez que abriron a reixa comprobouse que o que ardera foran papeis (periódicos e cartas) que había entre a reixa e a cristaleira do local. Arrefriouse o material con auga e retirouse para un colector de lixo. O conato de incendio non provocu danos maiores. Ao lugar tamén acudiu Protección Civil.

Actuación na entrada do antigo Restaurante Oasis_Bombeiros de Carballo.