As autoridades suecas confirmaron este venres a existencia de restos de explosivos nos gasoductos rusos Nord Stream 1 e 2, que sufriron un acto de «sabotaxe» a finais do setembro pasado.
«Nas investigacións que se fixeron no lugar do mar Báltico incautáronse moitos obxectos e a área está documentada de forma minuciosa. As análises realizadas mostran restos de explosivos en varios dos obxectos encontrados», informou a Fiscalía sueca en forma de comunicado.
O fiscal encargado do caso advirte tamén de que se trata dunha investigación «moi complexa e ampla» e que a súa evolución determinará «se se pode sinalar a algún sospeitoso».
Os gasoductos Nord Stream transportan gas dende Rusia a Alemania, e de alí a outros países europeos. Ambos gasoductos están inoperativos: Rusia suspendeu o fluxo polo Nord Stream 1, primeiro alegando problemas técnicos e despois por sancións pola guerra de Ucraína, mentres que o Nord Stream 2 nunca chegou a entrar en funcionamento.