Sufrida vitoria do Real Madrid ante un gran Obradoiro


Apurada e sufrida vitoria do Real Madrid, este martes 20 de outubro no Wizink center da capital de España, ante un gran Obradoiro por 84 a 77. E é que, a punto estivo o conxunto galego de dar a badalada, sendo merecedor de máis premio, e que de non contar coa rigurosísima expulsión do coach visitante Moncho Fernández, tras 2 técnicas seguidas, quizais estariamos a falar dunha vitoria santiaguesa.

Comezaba o partido con igualdade no marcador. Mentres os brancos impoñían a súa lei na pintura mercé ao seu maior potencial físico cun Tavares sobresaliente, mvp do encontro (14 puntos, con 7 de 7 en tiros de 2, 9 rebotes e 27 unidades de valoración), os galegos respondían á perfección cun acerto inmenso e a longa distancia como principal recurso.

Igualdade no luminoso, 14-14 no minuto 7. Apareceu entón a figura do canadense Robertson, máximo anotador do encontro con 26 puntos, quen anotaba 2 triplos seguidos para levantar ao Obradoiro no luminoso, 17-20 minuto 8. Pechábase o primeiro cuarto do encontro para os da capital de Galicia con 23-25 tras aguantar a pelexa polo rebote e a pesar das perdas. No segundo cuarto, Robertson (26 puntos, 4/8 en triplos, 1 asistencia e 18 de valoración) seguía á seu, mostrándose infalible no lanzamento e espoleando aos galegos para continuar coa súa vantaxe. Aínda así, os brancos aproveitaron as perdas de Obradoiro, un tanto infantís, e o partido seguía igualado. A pesar de todo, Obradoiro seguía mandando, 40-44 ao descanso e novo parcial que levaban os homes que onte, vestían de azul.

Na continuación Obradoiro insistía e a vantaxe disparábase aos 8 puntos, 42-50 minuto 24. E aí, os árbitros asestaron un golpe durísimo. Moncho Fernández recibía 2 técnicas seguidas para acabar sendo expulsado. Incomprensible e de xeito evidente, inxusto. Máxime cando a segunda foi por pedir o mesmo respecto que os “cadrelos” estaban a ter co adestrador local, Don Pablo Laso. Non o entendeu así o colexiado Calatrava, que impoñía a súa durísima sanción deixando ao equipo visitante sen dirección, cando mellor pintaban as cousas.

A partir de aí, Obradoiro viuse momentaneamente excedido polos acontecementos, recibindo un parcial de 19-4 que parecía definitivo. Un fantástico Laprovittola (19 puntos, 4/4 en triplos, 3 rebotes e 20 de valoración) era quen de anotar 3 triplos mentres que Jeff Taylor, especialista defensivo, agora se daba coa tecla para anular a Robertson, quen xa só anotaría 5 puntos máis. Unha solitaria canastra en xogo dos composteláns nos 6 minutos finais do terceiro cuarto, parecían disipar toda dúbida de quen ía levar a vitoria final. O terceiro cuarto pechábase con 61-54 para os homes de Don Pablo.

Con todo, e contra todo prognóstico, Obradoiro conseguiu sobrepoñerse ao apagamento post-expulsión. Triplos de Beliauskas (15 puntos, 5/7 en triplos, 1 rebote, 4 asistencias para asinar 18 de valoración) e, de novo Robertson, volteaban o marcador cun parcial de 8-0, 61-62 no minuto 32. Contrarrestaban os brancos con Laprovittola, Deck e Tavares, poñendo o 67-64 no tenteador, no case ecuador do último cuarto.

Obradoiro tiña “fame” e demostrouno. Cun último golpe de autoridade era capaz de darlle novamente a volta ao marcador, triplo de Pepe Pozas e 3 tiros libres seguidos anotados por Cohen, 67-70 no minuto 35. O Real Madrid vía perigar a vitoria, e nesa tesitura, respondía Tavares con 5 minutos finais excepcionais, propios dun dos mellores pivotes que a día de hoxe pódense ver en Europa. Botándose o equipo ás costas, capturou rebotes crave, tanto defensivos como en ataque, anotou e gañoulle a partida da intimidación a un Birutis, que onte, tocoulle bailar coa máis fea. Vitoria branca por 84-77 con moito sufrimento, ante un Monbus Obradoiro que vendeu cara a súa derrota e que xogou moi ben, sendo capaz de tratar de ti a ti ao todopoderoso Real Madrid. Esforzo físico e mental dun grupo que soubo repoñerse a unha expulsión, valla a redundancia do executor, totalmente arbitraria. Así como inxusta e clamorosamente desproporcionada.

Próximo partido, domingo 25 de outubro ante Herbalife Gran Canaria ás 13 horas. De seguir nesta liña, cunha invitación clara ao optimismo.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO