- O obxectivo desta campaña é superar as 1.156 doazóns do ano 2020
O Concello de Carballo e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) están a promover o desenvolvemento da campaña ‘Súmate ao noso equipo’. A iniciativa foi presentada este mércores nunha rolda de prensa que tivo lugar na Casa do Concello e que contou coa presencia do alcalde, Evencio Ferrero; o xefe do área de sangue e compoñentes sanguíneos de ADOS, Carlos Areal Méndez; a concelleira de Mocidade, Maruxa Suárez, e o xefe do servizo de Protección Civil, Javier Souto.
Durante o 2020 na localidade carballesa rexistráronse 1.156 doazóns, e este ano «queremos que sexan moitas máis» destacan desde a Concellería de Mocidade, que tamén se suma á iniciativa para «captar» a novos doantes. O obxectivo de ‘Súmate ao noso equipo’ pasa por acadar entre 400 e 500 doazóns diarias, precisas para garantir o axeitado desenvolvemento do intenso labor asistencial dos nosos centros hospitalarios.
Desde ADOS agradeceron á corporación municipal, a Protección Civil e a toda a veciñanza o seu apoio e compromiso durante estes meses e solicitaron a súa activa participación nesta campaña, que abrangue os meses de xuño a setembro e pon en valor a taxa de 37 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano acadada por Carballo.
Campaña na Praza do Concello
A unidade móbil de ADOS estará na Praza do Concello os días 5 e 6 de agosto das 10:00 ás 14:00 horas e das 16:00 ás 21:00 horas, así como o sábado 7 de agosto das 10:00 ás 15:00 horas, para atender a todas as persoas que desexen participar nesta campaña. ADOS lembra que para doar sangue hai que ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos e non padecer ou ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue.
Aínda que non é imprescindible, dende ADOS recoméndase pedir cita previa no teléfono 900100828.