Superada a barreira dos 300 casos activos por covid en Galicia

Os casos activos por coronavirus en Galicia volven superar a barreira dos 300 ao incrementarse en 28. Máis dun terzo correspóndense coa área sanitaria da Coruña, onde o brote relacionado cun ximnasio en Arteixo acumulaba o venres 25 contaxios, segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade.

Galicia contaba cun total de 308 casos activos este sábado, fronte aos 280 do venres. A área sanitaria da Coruña é a que rexistra unha maior subida, con 20 casos activos máis e o total pasa de 87 a 107. Vigo suma oito e pasa de 48 a 56; en Santiago ascenden a 26, con tres máis; Ourense pasa de 15 a 17 e suma dous máis; Pontevedra rexistra un caso activo máis e acumula 26.