Superada a primeira fase para a declaración da Costa da Morte Reserva Mundial de Surf

A candidatura do xeodestino Costa da Morte como ‘World Surfing Reserve’ avanza coa superación da primeira fase do proceso selectivo que desenvolve a ONG, Save the Waves Coalition. Así o manifestou na praia de Razo, en Carballo, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que transmitiu a satisfacción do Grupo promotor ao considerar que a proposta está agora moito máis preto de conseguir a declaración como Reserva Mundial do Surf. No acto participaron os alcaldes de Carballo e A Laracha, Evencio Ferrero e José Manuel López Varela.

Na rolda de prensa na propia praia de Razo, o vicepresidente da Deputación anunciou tamén a intención de declarar a Costa da Morte como Reserva Local de Surf como mecanismo para preservar as ondas, sumar alianzas do tecido social e demostrar a sensibilización coa conservación do medio e o crecemento sostíbel. Á beira da sede da escola de surf máis antiga do Estado pertencente a un sector que está a gañar forzas no territorio, con areais identificados e recoñecidos pola xente do surf nos que o mar responde con ondas que fan óptimo para o deporte todos os días do ano, Xosé Regueira destacou as fortalezas da Costa da Morte nesta carreira que comeza agora e que, segundo anunciou, continuará co obxectivo de conseguir a declaración oficial.

Declaracións do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira.

O documento agora avalado por «Save the Waves» é o resultado dun ambicioso traballo que se desenvolveu durante meses no que se presentaban os principais valores do territorio e o apoio local á declaración. A candidatura busca impulsar a práctica do surf na Costa da Morte, a través da protección e posta en valor das ondas ademais de avanzar nun modelo de desenvolvemento sostible arredor do surf. Coa declaración, a Costa da Morte convertiríase na segunda Reserva Mundial de Surf declarada en Europa, tras da portuguesa Ericeira, e na doceava a nivel mundial.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha