O alcalde, Xosé Lois García Carballido e as concelleiras de Asuntos Sociais e de Educación, Noelia Varela e Maite Chouciño, visitaron as obras acompañados de representantes da empresa construtora. A segunda fase de acceso ao parque empresarial de Tella terían que estar rematadas antes do 5 de novembro, o que permitirá que a maquinaria agrícola, persoas e bicicletas poidan transitar en dirección ao polígono sen pasar pola estrada autonómica. Trátase dunha obra cofinanciada nun 80 % pola Consellería de Industria e no 20 % polo Concello de Ponteceso que arranxaría un tramo con firme de grava irregular e cheo de buratos dende hai 15 anos.
Ademais desta mellora da vía de servizo entre o parque empresarial de Tella e a parroquia de Tallo, vaise facer unha beirarrúa no cruce que vai a Pardiñas, entre Canasteves e o lugar da Calle, en Tella. Deste xeito completarase o acceso desde Ponteceso para que os peóns poidan transitar de maneira segura desde o centro urbano ata o parque.