Os traballos foron adxudicados á empresa Excavaciones y Obras Candal S.L por un importe de case 48.000 euros. O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou o avance nas obras, onde explicou que con esta actuación “estase a habilitar un itinerario peonil no tramo do Camiño Inglés que discorre pola estrada AC-542, desde As Travesas, en Carral, ata o seu desvío por un camiño local que conduce ao lugar de Hospital, en Mesía, onde existe un albergue”.
A intervención ten como obxectivo aumentar a seguridade dos peóns, xa que na actualidade este traxecto percórrese pola beiravía, nunha zona cun tráfico elevado debido á actividade industrial da zona. Estas obras enmárcanse no programa para mellorar a seguridade viaria dos peregrinos ao seu paso por treitos dos Camiños de Santiago coincidentes coas estradas de titularidade autonómica.