Supervisada a mellora da estrada e da senda de Corcubión que conecta Quenxe co faro de Cee

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou xunto co alcalde de Corcubión, Manuel Insua; o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño; e varios membros da corporación municipal local, o remate das obras para comprobar de primeira man o resultado, que permitirá configurar un gran itinerario peonil no municipio e que supón un dos maiores investimentos da área de Vías e Obras do ente provincial realizado en Corcubión e na Costa da Morte ata o momento.

As obras consistiron na construción dunha senda peonil e a ampliación e mellora do trazado da estrada DP-2801 (de Corcubión a San Roque por Redonda) nun tramo dunha lonxitude aproximada de 1,77 quilómetros, entre a intersección da vía provincial e a pista que se dirixe ao lugar da Oliveira, e a intersección co ramal ao faro de Cabo de Cee.

Os traballos dotan ao sistema viario dunha importante mellora na seguridade, tanto para os veciños e veciñas, que usan este itinerario para pasear e facer deporte, como para todo o tráfico rodado que habitualmente transcorre por el.

Segundo apunta Formoso, «cumprimos deste xeito a nosa promesa coa Costa da Morte, a través da mellora da seguridade no acceso a un lugar tan importante para o Concello de Corcubión e para toda a Costa da Morte, xa que o faro é un dos lugares máis visitados durante o ano».

Pola súa banda, o alcalde de Corcubión, Manuel Insua, resaltou que se trata «dun investimento moi importante para Corcubión, creando unha infraestrutura de calidade que rematará con todas as críticas sobre o vial, deixando unha estrada con todas as garantías de seguridade para poder circular por ela».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha