Supervisadas as obras de reforma dos centros de saúde de Zas

1 minutes read

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín e polo Xerente da área sanitaria de A Coruña, Luis Verde Remeseiro, supervisaron as obras de reforma dos centros de saúde da localidade. 

Polo que se refire ao centro de saúde de Zas e cun importe de case 49.000 euros as obras realizadas consistiron na renovación integral da cuberta así como na mellora da fachada, actuacións necesarias para o acondicionamento e mellora destas instalacións que se foron deteriorando co paso do tempo.

No consultorio de Baio leváronse a cabo obras de reforma e ampliación que ascenderon a 131.723 euros e, tal e como se recolle no informe achegado polo concello, trala reforma e ampliación o consultorio contará cunha superficie útil de 204 m2, o que supón aumentar a superficie actual en case 96 m2, permitindo contar con zona de acceso común, zona de admisión, aseos públicos, dúas zonas de sala de espera independentes para medicina xeral e outra para pediatría, unha zona privada de office-almacén e vestiario, e cinco consultas para medicina xeral, enfermería xeral, urxencias, pediatría e enfermería pediátrica. 

As obras realizadas foron froito de sendos convenios de colaboración entre a Xunta e o Goberno Local ao tratarse de edificios de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello foi o encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción dos documentos técnicos necesarios para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.