A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou este venres, en presenza da alcaldesa de Cee Margarita Lamela, que o investimento da Xunta de 8,1 M€ na renovación do saneamento de Cee permitirá mellorar a vida dos veciños e elevar a calidade das augas da ría na primavera de 2024. Fíxoo na contorna do parque infantil praia da Concha, onde supervisou o comezo dos traballos de mellora da rede de saneamento de Cee, tras asinar a Xunta o pasado mes de setembro a acta de replanteo das obras, e unha vez que o Concello culminou o desvío da canalización que era necesario desprazar.
O obxectivo desta obra é reducir nun 80% os vertidos en tempo de chuvia e completamente en tempo seco, contribuíndo a mellorar a clasificación das augas da ría. Estas obras de mellora da rede de saneamento, en apoio ao Concello de Cee nas súas competencias municipais, é unha das actuacións máis destacadas que actualmente a Xunta está a impulsar desde Augas de Galicia, constituíndo a primeira fase da mellora do sistema de saneamento de Cee e Corcubión. As obras teñen un prazo de 18 meses, polo que a substancial mellora do saneamento estará rematada na primavera de 2024.