Supervisado o inicio das obras da senda peonil na estrada AC-413 entre Cerceda e Tordoia


O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polos alcaldes de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro, e de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, supervisou o inicio das obras da senda peonil na estrada autonómica AC-413, na entrada ao núcleo da Tablilla desde Ordes, no concello de Cerceda.

Durante a visita o rexedor de Cerceda pediulle á Consellería de Infraestruturas que cumpra co compromiso -que xa existía por parte da Xunta – de executar a senda peonil cara o cruce de Xesteda, desde a igrexa, pola AC413, e tamén sinalou que é urxente unha actuación de mellora na estrada que une A Silva co casco urbano de Cerceda.

A actuación prevista, que tamén beneficia ao municipio de Tordoia, suporá un investimento autonómico que supera os 120.000 euros. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

O proxecto recolle a construción dunha senda na marxe esquerda da estrada de titularidade da Xunta, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 11,9 e 12,3. Trátase de seguir mellorando a seguridade viaria na contorna e dotar un itinerario peonil continuo ao longo da vía que facilite os desprazamentos a pé dos veciños.

O novo itinerario de algo máis de 0,4 quilómetros proxéctase en formigón cor terriza natural e estará limitado da calzada por un bordo que o diferencie do resto da plataforma. O ancho do itinerario será constante, acadando os 2 metros.

Nesta actuación inclúese a execución da rede de pluviais, rede de alumeado público, reposición de sinais e marcas viarias de bordo da calzada. A intervención contará con financiamento dos fondos React UE da Unión Europea.