O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela, supervisaron as obras de acondicionamento do Miradoiro no Picoto de Arnexo, que contou cunha axuda da Xunta de máis de 30.000 euros e que se levou a cabo en colaboración co Concello cun investimento total de máis de 48.000 euros.
Esta obra foi posible grazas á orde de apoios dirixida aos concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas que repartiu máis de 370.000 euros o ano pasado para apoiar actuacións nos concellos de Boimorto, Boqueixón, Frades, Melide, Negreira, O Pino, Rois, Santiso, Toques, Tordoia, Touro, Trazo e Val do Dubra.
Trenor animou a todos os alcaldes da comarca a solicitar as axudas xa que xa está aberta a nova convocatoria de axudas a concellos da ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora de infraestruturas turísticas, que forman parte do Plan Camiña da Xunta. O Goberno galego aposta con estas subvencións polo fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos destes municipios co obxectivo de consolidar a oferta turística destas zonas a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.