Suspenden os desfiles e actos multitudinarios no Entroido ourensán


Os concellos do triángulo do Entroido, Laza, Xinzo e Verín, anunciaron este martes que haberá Entroido pero que se suspenden todos os actos multitudinarios, polo que non haberá baixada da Morena en Laza, desfiles de pantallas en Xinzo, nin xoves de comadres en Verín. Haberá charangas en movemento e quen queira poderá disfrazarse e saír á rúa. Pero as autoridades fan un chamamento á responsabilidade persoal para que non se produzan aglomeracións, que poidan derivar nunha nova vaga de contaxios.