O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de suspender cautelarmente o acordo do Consello da Xunta do 27 de xuño de 2019 que aprobou o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico Serra do Oribio, moi criticado polas entidades agrupadas na plataforma Salvemos o Iribio, que levan meses alertando da «ilegalidade» desta actuación. O Tribunal Superior atendeu, de feito, o recurso contencioso-administrativo presentado pola plataforma, que buscaba paralizar as obras.
O parque eólico promovido por Fergo Galicia Vento está nunha zona da Rede Natura 2000 situada na Serra do Oribio, nos concellos de Samos e Triacastela, como destaca o auto, que lembra que dende o ano 2014 está prohibida a instalación de parques eólicos nestes espazos.
O tribunal tamén destaca que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) coa que conta a instalación, aprobada no ano 2005 (polo último goberno de Fraga, xa en funcións e un día despois do nomeamento do novo Executivo) «pode resultar obsoleta», sobre todo para un proxecto que sufriu grandes modificacións na altura dos postes e que incrementou un 20% a lonxitude das pás, cun importante impacto ambiental a paisaxístico, sinala o auto.
Así, o TSXG suspende «provisionalmente» o acordo do Goberno galego «mentres non se actualice a DIA do ano 2005″ e se xustifique a prevalencia do uso pretendido pola Xunta ao aprobar o proxecto industrial».
Salvemos O Iribio reaccionou de inmediato ao auto, celebrando a decisión do tribunal e esixindo que a Xunta e os concellos de Samos e Triacastela lle dean cumprimento, «ordenando de inmediato a paralización das obras do parque eólico».