Táboas sen goles entre o Bergantiños e o Coruxo


O Bergantiños chegaba este sábado ao encontro cos ánimos reforzados despois de lograr a vitoria por 0-1 fronte á Ximnástica Segoviana a pasada semana. Todo indica que ao conxunto carballés os equipos inferiores na clasificación son os que peor se lle dan, e igual xa de paso podía ter a mente no partido de Copa do Rey deste mércores.  O adestrador do Bergantiños, José Luis Lemos, moveu o banco e deu entrada a Cavafe, Uxío, Jorge Cano e Marcos Remeseiro por Blas, Anton Escobar, Charly e Antón, mentres que o míster do Coruxo fíxoo con Borja Domingo por Silva, pero nada fixo posible que se movese o luminoso en As Eiroas.

Tras este empate, o Coruxo situouse no décimo sexto posto da táboa con 11 puntos, continuando en posición de descenso a Terceira División. Pola súa banda o Bergantiños quedou provisionalmente no terceiro lugar con 21 puntos. O próximo compromiso da Segunda RFEF para o Bergantiños é contra o Unión Adarve, pero todos están cun ollo e medio posto no partido de Copa de S.M. o Rey, que este mércores 1 de decembro enfróntalle en casa ao CD Tudelano SAD ás 18:30 horas. As entradas xa están á venda ao prezo de 5 euros para socio e 15 euros para o resto.