O Concello de Cabana de Bergantiños anunciou a súa programación cultural para estas datas de Nadal, destacando un ano máis a aposta polo talento local como gran dinamizador das festas.
Deste xeito, o vindeiro venres, día 15 de decembro, o auditorio municipal acollerá a partir das 19:00 horas o festival ‘Abrazando o Nadal’, que contará coas actuacións das agrupacións cabanesas Son de Cabana e As Cantareiras de Anos ademais das corais de Canduas e Cesullas.
Dous días despois, o domingo 17, o auditorio municipal acollerá unha nova actuación musical, desta vez por conta de Pablo Díaz, que será o encargado de protagonizar o Concerto de Nadal a través da súa actuación ‘Vellas Novas Melodías’. A interpretación está prevista para as 18:00 horas.
Xa en xaneiro, as súas Maxestades de Oriente volverán percorrer en tren as parroquias cabanesas tanto o día 5, cando tamén recibirán a todos os nenos e nenas no pavillón municipal ás 19:00 horas, como o día 6.
Ademais, o centro arqueolóxico Dolmen de Dombate acolle a exposición ‘Galicia Monumental’, promovida pola Asociación Exin Castillos, a cal fai un repaso dalgunhas das edificacións máis sobranceiras da xeografía galega.
Conciliación familiar co programa Meniñeiro de Nadal
Coa finalidade de garantirlle ás familias unhas condicións axeitadas para a conciliación durante o período vacacional do alumnado, o Concello promove unha nova edición do Meniñeiro de Nadal co que ofrecerá actividades para nenas e nenos escolarizados en educación infantil e primaria en dúas quendas, unha do 26 ao 29 de decembro e outra do 2 ao 4 de xaneiro. Ambas serán de 10:00 a 14:00 horas na Casa da Cultura.