Tarde de Entroido e billarda este sábado en Mazaricos

1 minutes read

O Entroido chega este sábado a Mazaricos con senllas actividades para a veciñanza no interior e nos espazos anexos ao recinto feiral da Picota. Por unha banda, ás 17h dará comezo unha Gran Festa Infantil de Disfraces que se prolongará durante toda a tarde. Previamente, dende as 16h, terá lugar o III Torneo de Billarda de Entroido.

A festa incluirá un parque de inchables e obradoiros de maquillaxe e máscaras. As persoas asistentes disfrutarán de filloas da pedra e chocolate. Ademais celebrarase un concurso de disfraces con tres categorías (individual, parella e comparsa, cun mínimo de cinco persoas). As e os gañadores escolleranse a través dun concurso en facebook, con votación do público ata o martes de Entroido. Haberá agasallos para toda a rapazada disfrazada o propio sábado, e ademais o Concello organiza un campamento de Entroido para nenas e nenos os días 12 e 14 de febreiro.

En canto ao Torneo de Billarda, arrincará ás 4 da tarde e reunirá un ano máis xogadores de todas as idades deste deporte tradicional. Para participar haberá que inscribirse previamente por whatsapp no número 680 600 806 indicando a idade da persoa participante.