Tarde de sábado movida en Carballo, con varios vehículos danados e unha persoa detida


Un mozo foi detido na tarde deste sábado tras as investigacións realizadas polas forzas de seguridade de Carballo en relación cos danos ocasionados en polo menos cinco turismos aparcados en diferentes puntos da localidade, principalmente roturas de lunetas traseiras. Investígase agora se os danos se causaron con intención de subtraer as pertenzas dos propietarios do interior dos coches, ou a posibilidade de tentar levar algún dos turismos.

Varios veciños deron a voz de alarma á primeira hora da tarde, incluso o propietario dun dos primeiros turismos danados non dubidou en botarse á carreira detrás do presunto delincuente ao ver como danaba o seu coche, pero ao final non logrou alcanzalo. Minutos máis tarde os feitos sucedéronse, primeiro nun Opel Corsa estacionado no aparcamento habilitado entre as rúas San Paio e San Antonio, preto do San Martiño, e logo nun BMW X1 aparcado na rúa Buenos Aires.

A partir de aí, as forzas da orde xa tiñan os trazos físicos do presunto causante dos danos, achegados por varias testemuñas, un mozo cunha vestimenta deportiva gris e lentes escuras. Finalmente investígase o grao participación do detido en todo o ocorrido e se actuaría só.