- Ana Pasantes e Cristina Caamaño representarán á Costa da Morte na candidaturas do BNG ao Congreso e Senado pola Coruña
O Bloque Nacionalista Galego de Bergantiños celebra a incorporación de dúas representantes da comarca á candidatura ao Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña, aprobada polo Consello Nacional do BNG.
Trátase de Tatiana Rellán Castro, de Cabana de Bergantiños, que ocupará o posto número 6 da candidatura, e Cristina Vázquez del Prisco, de Laxe, que figura como suplente número 6.
Desde a organización comarcal valoran moi positivamente esta representación, que consideran un recoñecemento ao traballo desenvolvido polo nacionalismo nos distintos concellos de Bergantiños e ao compromiso das persoas que, desde o ámbito municipal, traballan diariamente na defensa dos intereses da veciñanza.
«A presenza de Tatiana e Cristina na candidatura é motivo de orgullo para toda a organización comarcal. Son dúas compañeiras comprometidas coa súa terra, que representan o traballo, a ilusión e a vontade de transformación que caracterizan o proxecto do BNG», destacan desde a dirección comarcal.

Cristina Vázquez.
O BNG de Bergantiños salienta que a comarca precisa unha voz forte na defensa das súas necesidades, especialmente en cuestións fundamentais como as infraestruturas, a mobilidade, os servizos públicos, a vivenda, a actividade económica e o futuro dos sectores produtivos.
«Bergantiños ten demasiadas necesidades e reivindicacións históricas que non poden continuar agardando. Precisamos que Galiza teña máis forza en Madrid e que as decisións que afectan ao noso territorio non dependan exclusivamente dos intereses dos partidos estatais», sinalan.
A organización comarcal considera que as eleccións do próximo 29 de novembro constitúen unha oportunidade para ampliar a representación do BNG no Congreso e reforzar unha voz galega propia, capaz de defender os intereses do país con independencia e firmeza.
Finalmente, o BNG de Bergantiños reafirma o seu compromiso de desenvolver unha campaña activa nos sete concellos da comarca, coa participación da militancia e das organizacións locais.
«A presenza de Tatiana e Cristina na candidatura é tamén un estímulo para seguir fortalecendo o BNG en Bergantiños. Afrontamos estas eleccións con ilusión, responsabilidade e o convencemento de que canto máis forte sexa o BNG, máis forte será a voz de Galiza», subliñaron desde a formación nacionalista.
Ana Pasantes e Cristina Caamaño representarán á Costa da Morte na candidaturas do BNG ao Congreso e Senado pola Coruña
O BNG da Costa da Morte celebra a incorporación de dúas representantes da comarca nas candidaturas ao Congreso dos Deputados e ao Senado, aprobada polo Consello Nacional do BNG este sábado 24 de outubro.
Trátase de Ana Pasantes Bouzas, de Camariñas, que ocupará o posto número 8 da candidatura do BNG ao Congreso pola provincia da Coruña; e Cristina Caamaño Rodríguez, de Carnota, que vai de segunda suplente do candidato número 2 ao Senado, tamén pola provincia coruñesa.
Desde o BNG comarcal consideran que a inclusión das dúas candidatas supón un recoñecemento ao traballo e compromiso da militancia nacionalista a prol dos intereses da veciñanza nos diferentes concellos da Costa da Morte.
Ademais, salientaron que a comarca precisa de seguir tendo dunha voz forte na defensa das súas necesidades, como aconteceu co traballo de Néstor Rego no Congreso nos últimos anos, presentando iniciativas relacionadas con servizos públicos dependentes do goberno do Estado en concellos da Costa da Morte, como o ISM de Corcubión e Camariñas, ou a oficina da Seguranza Social na vila de San Marcos.

A formación nacionalista destacou que Ana Pasantes constitúe unha referencia na loita pola recuperación da actividade marisqueira en Camariñas, que vén sufrindo unha crise de produtividade que leva provocando que as traballadoras do mar, entre elas a propia Ana Pasantes, non poidan mariscar desde hai tempo.
No caso de Cristina Caamaño, que se dedica ao sector das novas tecnoloxías, desde o BNG subliñaron o seu compromiso e traballo coas iniciativas nacionalistas en Carnota, así como a súa participación en movementos asociativos.
O BNG da Costa da Morte sinalou que “Galiza precisa ter máis forza en Madrid, para defender axeitadamente os intereses que afectan ao noso país e á nosa comarca; neste senso, as eleccións do próximo 29 de novembro constitúen unha oportunidade para ampliar a representación do BNG no Congreso e reforzar unha voz galega propia, capaz de defender Galiza con independencia e firmeza”.
