- As entradas son de balde, con reserva e ata que se complete o aforo
O Concello de Vimianzo presentou este venres o Vimiansol, a súa programación cultural para este verán repleta de espectáculos de teatro, circenses, maxia, humor e música. A presentación tivo lugar no Salón de Plenos e á mesma acudiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; e as concelleiras de Cultura e Benestar Social, Rosa Blanco e María José Pose, respectivamente; ademais da técnica de Cultura, Nieves Lema. As tres destacaron o compendio de «actividades como unha das principais opcións de ocio da comarca, coas principais compañías das artes de rúa do momento».
Polo municipio pasarán algunhas das compañías máis importantes do momento. Por exemplo, o 24 xullo VoleTempos chegará a Vimianzo con DistanS, e o 14 de agosto será o turno de Rolabola co seu espectáculo circense Rock Cirk.
A nivel musical tamén hai varias citas. A vimiancesa Irma Macías, vocalista de Luar na Lubre, actuará con Bieito Romero o 8 de agosto; o 7 será o turno de O Sonoro Maxín, abandeirados da cumbia e da festa galega; e o 17 do mesmo mes a música dos anos 70 chegará a Vimianzo da man do Sr Lili e a súa Discocleta.
A maxia ocupa un lugar importante no Vimiansol, acollendo os trucos de Dani García con Don Gelati, a gala de mulleres Cirqueiras con varias das máis destacadas artistas de circo do país e os seus malabares, acrobacias aéreas e equilibrios imposibles.
As Noites de cine na rúa volven á praza do Concello coa estrea do filme Cuñados, comedia de enredos protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez.
Escapismo. Durante a noite do 6 de agosto haberá un xogo de escapismo no propio Castelo.
O circo pechará a programación do Vimiansol, concretamente os días 21 e 28 de agosto, coa posta en marcha dos espectáculos de Assircopatas ou Circo Chosco.
As entradas son de balde, con reserva e ata completar aforo. Poderá solicitarse praza na Casa da Cultura de luns a venres de 9.00 a 14:00 h. Máis información enviando un correo a cultura@vimianzo.gal