Técnicos forestais do Servizo de prevención de incendios forestais de Galicia formaron de xeito telemático aos seus homólogos de Paraguai no manexo das queimas prescritas e no réxime galego de comunicacións e autorizacións de queimas de restos agrícolas e forestais.
Solicitada desde a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), a instrución levouse a cabo en colaboración co Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. En concreto foi dirixida ao Instituto Forestal Nacional (Infona) de Paraguai, onde se acaba de aprobar unha lei sobre o manexo integral do lume que traslada aos municipios a competencia para autorizar, supervisar e facer seguimento ás solicitudes de queimas, principalmente de pastos para gando. No ámbito nacional quedan as facultades de sancionar, fiscalizar e tamén levar a cabo seguimento e coordinación.
Nesa liña, o país suramericano atópase agora preparando as regulacións pertinentes para aplicar a nova lei, para o que solicitou información sobre a experiencia en España. Así, dende a Consellería do Medio Rural debullouse o modelo actualmente en vigor en canto ás comunicacións de queimas de restos agrícolas e ás autorizacións de queimas de restos forestais. Tamén sobre o uso do lume por parte do Servizo mediante queimas prescritas, que se executan sempre con criterios técnicos co fin de anticiparse aos incendios forestais.