A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de lanzar unha nova edición do Programa Tecnólog@ por un día, que ofrece ao alumnado de 12 a 17 anos a oportunidade de compartir unha xornada de traballo nunha empresa tecnolóxica. O obxectivo da esta actividade é continuar mellorando a visión que os máis novos e novas teñen das profesións científico-tecnolóxicas. Ata o próximo 1 de abril, o persoal docente pode inscribir ao alumnado interesado en participar na actividade, optando a unha das máis de 50 prazas dispoñibles para visitar durante unha xornada as instalacións das empresas TIC colaboradoras ou a sede da Amtega no GaiásTech. Con esta nova quenda, Tecnólog@ por un día acada xa seis edicións e consolídase ano tras a ano como unha das actividades de referencia do catálogo de actuacións do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent. A través destas sesións inmersivas, o alumnado explorará os proxectos que se están a desenvolver e as ferramentas e os coñecementos que o persoal experto emprega no seu día a día. Deste modo, os participantes coñecerán dun xeito práctico as capacidades e habilidades necesarias para incorporarse ao sector, contribuíndo a resolver as súas inquedanzas vocacionais.
41