Tecnoloxía e dixitalización, pezas clave no futuro do medio rural galego


A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou en Barakaldo na ponencia “A tecnoloxía, un instrumento de competitividade para as rexións FoodTech”, no marco da primeira edición de Food 4 Future – Expofoodtech 2021. Alí, destacou o peso que teñen a tecnoloxía e a dixitalización no futuro do medio rural, xunto coa sustentabilidade e a transición ecolóxica.
Neste senso, puxo en valor varios proxectos tecnolóxicos que desenvolve a Consellería do Medio Rural en canto á ordenación e xestión do territorio, como o Sistema de Información de Terras de Galicia (Sitegal) que permite xestionar o Banco de Terras e que consta dunha parte pública para que calquera usuario poida consultar as parcelas incluídas neste banco, saber das características das mesmas e o seu estado actual. Ademais, dito sistema tamén consta dunha parte privada para a xestión por parte dos técnicos da Consellería, co fin de dar de alta ou de baixa as parcelas existentes e, incluso, xerar os correspondentes contratos de arrendamento.
Deste xeito, a eficacia da tecnoloxía será clave para amoldar as necesidades e demandas dos diferentes sectores produtivos en xeral e, dos cidadáns, en particular. Na actualidade estase traballando para converter o Sitegal nun sistema máis amplo, capaz de centralizar todas as bases de datos, sistemas de información e rexistros da Consellería do Medio Rural que xestionan información cun compoñente xeográfico. Ademais, tamén será a ferramenta encargada de xestionar os novos instrumentos de mobilización de terras regulados na nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, entre eles os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as actuacións de xestión conxunta.
A maiores, Inés Santé tamén explicou que se está desenvolvendo outro sistema de información xeográfica para a participación pública, como suplemento ao Sitegal, que consiste nunha aplicación para os dispositivos móbiles co fin de que as persoas participantes nos diversos procesos de participación pública poidan deseñar de forma sinxela a zona ocupada dun posible polígono ou aldea modelo e así saber os usos do solo, as parcelas que se incluirían, a pendente do territorio, entre outros aspectos.